Saída ao teatro de 1º e 2º de EP
Hoxe os alumnos de 1º e 2º de Educación Primaria tivemos a sorte de poder visitar o Teatro Principal para desfrutar dunha obra titulada: Ás para Álex.
Unha peza comprometida, divertida e cargada de verdade e tenrura, tocando unha temática moi delicada “o cancro infantil” e a necesidade dun sentimento de esperanza como unha menciña máis para superar esta enfermidade e o importante que é topar persoas no camiño que nos conviden a soñar.
O protagonista desta historia, Álex, é un neno coma calquera neno de 8 anos ao que lle encanta correr, xogar, quedar cos amigos e amigas, ir ao parque... A súa paixón é o fútbol. Pero un día Álex ten que deixalo todo, porque o seu corpo non responde, non camiña…e coma calquera neno, Álex enfádase, enfádase coa súa nai, coa súa irmá, co seu can e ata co fútbol.
Álex enfádase co mundo e asáltano moitas preguntas: por que a min? Por que non podo xogar? Por que, por que e por que?... Está tan enfadado que deixa de mirar ao seu arredor, ata que un día aparece Laura no seu camiño, e sen pedir permiso, pero con moito coidado e cariño, entra de cheo na súa vida para mudarlle a mirada.