Visita ao CSIC
O pasado venres 26 de xaneiro o alumnado de 6º de educación primaria acudiu ao Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela, sede do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), para participar nunha serie de obradoiros no ámbito da ciencia e a investigación financiados pola Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica e Ciencia Cidadá do CSIC.
O tema central foi a Biodiversión, levada a cabo pola Misión Biolóxica de Galicia, e as actividades que se realizaron estiveron relacionadas co cambio climático, ensaios de xerminación e elongación radicular, cultivo in vitro de especies leñosas e extracción de ADN.
En cada obradoiro o persoal encargado da experiencia ofrece ao alumnado, primeiro, unha visión global pero sinxela do campo científico no que desenvolve a investigación e, despois, o alumnado realiza a actividade práctica correspondente.
Foi unha xornada onde estes alumnos e alumnas puideron achegarse ao estudo científico dun xeito lúdico e guiados por auténticos investigadores que fan esta experiencia moito máis enriquecedora.