Sensibilización sobre o dereito a vivir en familia
O pasado luns 20 de novembro quixemos sensibilizar dende o colexio a toda a comunidade educativa sobre un tema que non aparece nas portadas dos períodicos nin nas cabeceiras dos medios de comunicación, pero que con todo, é unha realidade que está ao noso arredor e é importante que se coñeza. Estamos falando dos nenos e nenas que por diversos motivos non poden permanecer cos seus pais e nais biolóxicos e están en centros de protección públicos.
Co gallo de facer visible este problema social participamos este luns no "Día do Pixama" organizado pola ASEAF (Asociación estatal de Acogimiento Familiar) e ACOUGO (Asociación Galega de Familias de Acollida). É un acto simbólico que representa o momento da intimidade familiar da hora de ir durmir. Con esta iniciativa preténdese facer énfase na importancia do acollemento familiar para garantir o dereito de vivir en familia dos nenos, nenas e adolescentes que por diversas razóns, non o poden desfrutar.