Magosto 2021
Este pasado xoves celebramos o Magosto pola tarde no noso colexio. O tren de castañas volveu logo dun descanso obrigado no pasado curso a recordar esta tradición tan nosa. Foi a ANPA do colexio a encargada de avisar ao tren de que parase na estación da Milagrosa. As distintas clases do centro foron en diferentes quendas a recoller este manxar asado, que logo desfrutaron na súa aula cos seus compañeiros e compañeiras.
O magosto celebrábase tradicionalmente nun claro do mesmo souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas. Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas dabondo para asar as castañas; outras veces era na eira ou nun rueiro amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa. Era costume que as mozas trouxeran as castañas e os mozos o viño; noutros casos os mozos achegaban todo e as mozas ían convidadas. Aínda que había que picar (ou sinalar) as castañas antes de botalas nas brasas, non faltaba quen botaba algunha enteira, para que estoupase na cara de quen as andaba a remexer, cousa que os participantes celebraban lanzando aturuxos. Por fin, no remate da festa, os máis rapaces xogaban a tisnarse coas mans cheas de feluxe mentres que mozos e adultos cantaban e bailaban, nalgúns casos saltando sobre os restos da fogueira.