Ir o contido principal

Historia

Benvidos ao Colexio “La Milagrosa” en Santiago de Compostela.

Somos un equipo de seglares traballador e dinámico, cunha liña de formación clara e ben definida, que impide ao azar tomar parte en aspecto algún relacionado coa educación dos nosos alumnos e alumnas.

O Colexio “La Milagrosa” é unha comunidade que se adapta aos novos tempos incorporando no seu currículo os aspectos positivos da evolución e a tecnoloxía e mantense tradicional nos principios relacionados co respecto, a colaboración e a procura do ben.

Un lugar no que as familias síntense, desde o primeiro momento da súa incorporación, parte importante do Centro facendo súas cada unha das nosas ilusións.

O noso lema é “a ledicia no esforzo” e con el atopámonos cada día cando, ao saudármonos pola mañá, non esquecemos nunca desexármonos os bos días.

 

Quen somos e de onde vimos

Desde o ano 1.935, vén sendo esta Escola a canle educativa do barrio de Santa Marta, iniciándose naquelas datas cunha unidade no lugar de As Barreiras.

Máis tarde, a “Fundación Visita Domiciliaria da Virxe Milagrosa”, titular do Centro, mercou na rúa de Tras Espiñeira uns terreos nos que construíu un edificio que albergaba tres unidades para atender as necesidades de escolarización dun barrio moi marxinal.

Dado o carácter do labor educativo da Fundación, esta foi declarada de “Interese Benéfico-Docente” (B.O.E. do 31 de decembro de 1.950)

O Ministerio de Educación e Ciencia (O.M. de 29 de outubro de 1.974) clasificou ás “Escuelas de La Milagrosa” como centro subvencionado ao cen por cento, cualificado para impartir os niveis de E.X.B., previa realización das obras necesarias cara á súa calificación definitiva. Feitas as correspondentes reformas nese ano, transformouse nun centro cunha unidade de Preescolar e oito de E.X.B.

O día 14 de maio de 1.983, o D.O.G. publica a Orde da Consellería de Educación que dá ao Colexio “A Milagrosa” a clasificación definitiva. Con posterioridade, unha nova unidade de Preescolar acadou tamén a devandita clasificación por Orde da Consellería de Educación con data de 21 de xuño de 1.991.

O 6 de maio de 1.999 a “Fundación Visita Domiciliaria Virxe Milagrosa” foi declarada “Fundación de Interese galego”, inscrita no Rexistro co número 1.926/3.

Na actualidade consta cun total de nove unidades: tres pertencentes ao segundo ciclo de Ed. Infantil e seis de Ed. Primaria.